Saturday 04 de May de 2024

En marcha os proxectos de aglomerado de tres vías rurais por un importe superior aos 700.0000 euros


As obras da contorna da igrexa de San Martiño de Cances e de eliminación de barreiras no barrio das Flores quedaron desertas e volverán a licitarse en breve

O Concello de Carballo pon en marcha os procedementos de contratación de tres obras de mellora da capa de rodaxe de tres vías rurais. Ata o 10 de xaneiro está aberto o prazo para as empresas interesadas na execución dos proxectos de aglomerado dende As Labradas (Carballo) ata A Ponte de Bértoa, cun orzamento de 142.639,07 euros, e dende Bolón (Sofán) ata Vilar de Francos (Artes), por 225.140,47 euros. E hoxe a Xunta de Goberno Local aprobou un terceiro proxecto, dende As Torres (Oza) ata Cances Grande, por 340.954,41 euros, que tamén sairá a contratación en breve.

Tamén haberá que volver a licitar as obras de acondicionamento da contorna da igrexa de San Martiño de Cances, que ten un orzamento de 126.156 euros, e de mellora da accesibilidade peonil no barrio das Flores e noutras zonas urbanas, por 287.071,81 euros, xa que ámbalas dúas quedaron desertas por non presentarse ningunha oferta.

A Xunta de Goberno tamén aprobou na sesión de hoxe a prórroga por un ano dos contratos de roza de vías nas parroquias e de aluguer de pala e camión, ademais do inicio do expediente de contratación dos traballos de mellora e posta e punto das zonas verdes, con reserva a centros especiais de emprego de iniciativa social, por 85.993,26 euros.